Friday 17 de May de 2024

Dezaseis persoas inmigrantes concluíron un Obradoiro de Integración organizado polos Servizos Sociais de Riveira


A concelleira Maricarmen Vizcaya visitou onte o curso

Un total de dezaseis veciños inmigrantes tiveron ocasión de participar nun Obradoiro de Acreditación do Esforzo de Integración que, baixo a organización dos Servizos Sociais Comunitarios, concluíu na noite de onte nas aulas municipais situadas na rúa Cristóbal Colón.

Esta acción gratuíta de 40 horas de duración está subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo 2007/2013, e dirixida a que as persoas inmigrantes poidan acreditar o esforzo realizado para a súa integración na sociedade de acollida. Deste xeito, unha vez plasmado nun informe de esforzo de integración, dito informe pode ser alegado pola persoa estranxeira en caso de non acreditar o cumprimento dalgún requisito previsto para a renovación dun permiso de residencia temporal, para ser tido en conta como información a valorar pola oficina de estranxeiría correspondente.

Os contidos abrangueron materias como os valores constitucionais do estado español, valores estatutarios da comunidade autónoma galega, dereitos humáns, etc.

A concelleira Maricarmen Vizcaya, acompañada da xefa de servizo Francisca Vidal, achegouse onte ás instalacións de Cristóbal Colón co fin de conversar con algúns dos asistentes e escoitar a súa opinión ante a posta en marcha desta iniciativa, que nunca antes se celebrara no noso municipio. Os resultados foron moi positivos de resultas do comentado polos propios participantes. Houbo xente procedente de Marrocos, Mauritania, Chile, Perú ou Sáhara, entre outros lugares.

Programa de Acollida
O Concello de Riveira vén atendendo de forma especializada á poboación inmigrante desde o ano 2003, a través de distintos programas e servizos, que evolucionaron cara a creación do actual Programa de Acollida e Integración de Inmigrantes e Retornados, desde o que se leva a cabo un asesoramento especializado en trámites de estranxeiría, se organizan actividades formativas e outras. O Concello de Riveira conta desde o ano 2012 cun Plan Local de Integración da Poboación Inmigrante.

Riveira conta con un 4,33% de poboación inmigrante, constituíndo un 3,49% a poboación inmigrante extracomunitaria, segundo datos do padrón a 31/12/2013.